YouTube podería pagar 1.000 millóns de dólares por Twitch

luns, 19 de maio do 2014 Marcus Fernández

A plataforma líder de streaming de partidas de videoxogos na actualidade é sen dúbida Twitch, que non só trunfa en ordenadores persoais, senón que tamén está integrada nas novas consolas domésticas de videoxogos, o que parece que dende Google non queren deixar pasar, e dende Variety apuntan a que YouTube podería mercar Twitch por 1.000 millóns de dólares en efectivo, o que sería a meirande operación relativa a YouTube dende a súa compra por Google por 1.650 millóns de dólares en 2006.
Dende Twitch aseguran ter máis de 45 millóns de usuarios activos ao mes, con máis dun millóns de usuarios cargando vídeos todos os meses á súa plataforma, polo que ten unha porción da torta do vídeo en directo na Internet que dende YouTube non parecen querer deixar pasar, e actualmente dende YouTube estarían a preparar a documentación para poder presentar esta oferta de adquisición ante os reguladores norteamericanos para que autoricen esta operación.
Dende The Wall Street Journal engaden que Twitch acapara preto do 44% do streaming en directo nos EE.UU., superando claramente a YouTube Live, e véndose só superado por Netflix e os vídeos normais de YouTube en tráfico nos EE.UU., demostrando o peso que actualmente teñen na Internet os vídeos de videoxogos.
Cómpre destacar que Twitch é un servizo lanzado en xuño de 2011, e que ata hai poucos meses estaba totalmente fóra da vista da meirande parte dos usuarios da Internet, pero nos últimos meses experimentou un crecemento impresionante, colocándose entre os líderes do vídeo na Internet e ocupando un segmento de mercado moi segmentado, o que pode contribuír significativamente á súa explotación comercial.

PUBLICIDADE