A televisión mantén o seu pulo entre o consumo de medios en Galicia

venres, 26 de abril do 2024 Marcus Fernández

Esta semana fixéronse públicos os datos da primeira onda do Estudo Xeral de Medios (EGM), e a axencia de medios Avante tivo a ben facer un balance dos resultados para Galicia, indicando que a televisión, os medios exteriores e a Internet seguen a liderar o consumo, e salientando que a televisión, en vez de caer como no resto do Estado, medrou en penetración preto do 5%.
Aínda que de xeito xeral o panorama resulta favorable para os medios, que aumentan as súas audiencias, indican unha caída dos diarios en liña de preto dun 3%.
Avante destaca como no ámbito dixital a televisión en liña gaña forza, situándose como o medio dixital con maior penetración (72,6%), xa en 4ª posición na clasificación total). A continuación estarían as redes sociais (48,7%), o audio en liña (40,3%), os diarios en liña (27,8%), as revistas en liña (2,7%) e os suplementos dominicais en liña (0,1%).
O informe de Avante tamén destaca a forza da radio convencional, que mantén unha penetración do 57,5% e medra na súa vertente en liña (40,3%). Entre as emisoras xeralistas temos á SER como líder en Galicia con 336.000 oíntes, seguida por a Cope (175.000) e Onda Cero (112.000).
Entre o consumo en liña tamén podemos salientar que o EGM rexistra que as redes sociais máis usadas serían Facebook (33,9%) e Instagram (32,1%); as plataformas de vídeo baixo demanda de maior uso serían Netflix (44%) e Prime Video (32,3%); e a música en streaming estaría claramente liderada por Spotify (27,95%).

PUBLICIDADE